Comecei presentándome ao premio literario que organiza o meu concello e esta experiencia deume azos para seguir participando noutros concursos.
No 2007, publiquei a miña primeira novela, Proxecto bolboreta, grazas ao Certame literario do Concello de Soutomaior.
En Galicia, obtiven o Premio Meiga Moira en dúas ocasións, o Jules Verne, Merlín e Raiña Lupa, que me permitiron seguir publicando obras e chegar a máis lectores e lectoras grazas á difusión que supoñen este tipo de galardóns. Algúns dos recoñecementos que máis ilusión me fixeron son os outorgados polos lectores e lectoras, como o premio Frei Martín Sarmiento, o premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación de Galicia ou o premio Rosa dos Ventos, concedido polos alumnos e alumnas do Colegio Santiago Apóstolo de Bos Aires.
A nivel nacional, gañei o premio Lazarillo en 2018, o premio Anaya 2022 e o Premio A da Sociedad Colegial de Escritores ACE e do Grupo de Investigación de Literatura infantil da Universidad Complutense de Madrid (ELLI) no 2023. Ademais, algunhas das miñas novelas foron seleccionadas na Lista de Honor da OEPLI.