Miña querida Sherezade portada Andrea Maceiras

Miña querida Sherezade

Miña querida Sherezade é un libro protagonizado por outro libro.

Unha historia moi especial.

Ser un libro é marabilloso. Agás cando chega a vellez. Entón decátaste de que estás feito un farrapo. Os personaxes que viven dentro de ti danche as costas porque non podes ofrecerlles a vida que eles queren. Caes enfermo. Tés tanta febre que súas tinta. E sentes a morte moi preto.

Eu non quero rematar así. Sei que aínda teño unha historia máis que contar. Non está nas miñas páxinas, senón gravada no meu corazón. E non é unha soa, senón moitas. Porque eu nacín en 1908 na Casa Editorial de Saturnino Calleja. Viaxei a Cuba no peto dun home rico e regresei na man dun pobre emigrado galego. Coñecín o amor e o desamor, sobrevivín a unha guerra civil, alimentei soños, transmitín mensaxes, salvei e fun salvado.

Eu gardei dentro de min a cor dourada de todos os desertos, a Simbad, Alí Babá e Aladino. Por iso che pido, miña querida Sherezade, que non marches, que agora sexas ti quen me escoite. Porque pode que esta sexa a miña última historia.”

Este é para min un dos libros máis especiais que escribín. Se amas os libros como eu o fago, se confías en que as palabras poden salvarche a vida como a Sherezade e en que a memoria é capaz de vencer o tempo porque a literatura contén o alento da eternidade, gustarache esta historia que percorre as vidas dos posuidores deste libro, que só quere contar unha última historia.

Info para lector@s

» Edad: de 7a 9 anos.

» Ilustraciones: Antonio Seijas.

» Páginas: 136.

» Editorial: Baía Edicións.

» Idioma: gallego.

» Temas: amor polos libros, aventuras, As mil e unha noites, literatura, viaxes.

Miña querida Sherezade info para lectores

Curiosidades de Miña querida Sherezade

Miña querida Sherezade curiosidades

A historia dun libro contada por un libro…

Miña querida Sherezade é unha historia inspirada nun libro real que lembro desde sempre na biblioteca da miña casa. Trátase dunha desgastada edición das Mil e unha noites, publicada pola editorial de Saturnino Calleja a comezos do século pasado, probablemente cara o ano 1907. O exemplar está moi estragado. A súa cuberta escurecida, as follas rotas e as ilustracións coloreadas chamaron desde sempre a miña atención. O libro pertencía á miña avoa, a quen llo regalara unha amiga da infancia. Na primeira folla, escrito con tinta azul, figura o nome desta amiga coa data na que llo agasallaron: 21 de marzo de 1949. Pero, baixo esta, agóchase outro nome escrito en tinta negra, actualmente ilexible. Ao seu carón, figura un lugar con outra data: Ciénaga de la Habana, 1911.

…onde a voz de Sherezade é un regalo…

Estes dous nomes espertaron a miña curiosidade. Interesoume a posibilidade de contar a historia deste exemplar desde a perspectiva do seu protagonista: o propio libro. Porque os libros son máis que as historias que conteñen. Son os seus lectores e lectoras, as súas viaxes, as súas experiencias físicas, o seu alcance. Por iso, esta historia sucede en paralelo á nosa: á inmigración, á vida nas aldeas, aos avatares do amor, a amizade e a familia, en definitiva, á das persoas que o tiveron nas súas mans.

…capaz de ofrecerlle mil e unha noches máis

Como non podía ser doutro modo, nunha historia na que o protagonista é un vello exemplar das Mil e unha noites, a voz dos seus personaxes é fundamental. Sobre todo, a de Sherezade. Ela habita estas páxinas para trasladarnos a un lugar distinto: o do interior das súas historias, onde a liña que une a realidade e a fantasía esvaece. Porque só ela pode outorgarlle ao libro que a contén a posibilidade dunha vida infinita. Ou, dito doutro modo, a de existir mil e unha noites máis.

Miña querida Sherezade curiosidades 2
ISBN
978-84-9995-144-7
Traduccións
No
Encuadernación
Rústica hilo
Fecha de publicación
2014
Tamaño
19×13 cm